Cosimo de Medici
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 27 de setembro de 1389 Florencia |
| Morte | 1 de agosto de 1464 Villa Medicea di Careggi |
| Lugar de sepultura | tumba de Cosimo de Medici basílica de San Lourenzo Capela dos Medici |
| Embaixador | |
| | |
| Datos persoais | |
| Residencia | Palacio Medici Riccardi |
| Actividade | |
| Lugar de traballo | Florencia |
| Ocupación | político, banqueiro, diplomático, mecenas |
| Profesores | Gemistos Plethon e Roberto de' Rossi (en) |
| Familia | |
| Familia | Medici |
| Cónxuxe | Contessina Bardi (1414–) |
| Fillos | Piero di Cosimo de' Medici, Giovanni de Médici, Carlo de' Medici |
| Pais | Giovanni de Bicci de Médici |
| Irmáns | Lorenzo the Elder |
| Parentes | Alessandro de' Bardi, sogro |
| Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron The Nuttall Encyclopædia >>>:Medici, Cosmo de |
Cosimo di Giovanni de' Medici, coñecido como Cosme o Vello (en italiano: Cosimo il Vecchio), nado en Florencia o 27 de setembro de 1389 e finado en Careggi o 1 de agosto de 1464, foi un banqueiro e político italiano, fundador da fortuna política da familia Medici e o seu primeiro home de Estado de relevo. Malia non ocupar case nunca cargos na cidade, que se mantivo institucionalmente coma unha república, foi o señor de facto de Florencia desde o seu regreso triunfal do exilio en 1434 ata a súa morte.[1]
Grazas á súa política moderada, conservou o poder durante trinta anos, gobernando o Estado en silencio a través de homes da súa confianza e permitindo así a consolidación da súa familia no goberno de Florencia. Diplomático hábil, mudou as alianzas políticas italianas tras a morte de Filippo Maria Visconti, aliñando Florencia coa antiga rival Milán, dirixida entón polo seu amigo Francesco Sforza, contra a República de Venecia, e pechando as decenais guerras italianas coa paz de Lodi de 1454.[1]
Amante das artes, investiu boa parte do seu inmenso patrimonio privado, froito da xestión do banco familiar, en embelecer a súa cidade natal, chamando artistas e financiando edificios públicos e relixiosos. Afeccionado á cultura do humanismo, fundou a Accademia neoplatonica e favoreceu o rumbo especulativo do humanismo florentino da segunda metade do Quattrocento. Polos seus méritos civís, tras a súa morte a Señoría proclamouno Pater Patriae, «Pai da Patria»,[2] e a súa fama mantívose xeralmente positiva ao longo dos séculos, pois a súa administración da República sentou as bases do período áureo que culminou co goberno do seu neto, Lourenzo o Magnífico.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Orixes e formación
[editar | editar a fonte]Fillo de Giovanni di Bicci de' Medici e de Piccarda Bueri,[1] Cosimo celebrou sempre o seu aniversario o 27 de setembro, festa dos santos Cosmede e Damián, dos cales el e o seu irmán xemelgo Damián, que se cre finado ao pouco de nacer, tomaron o nome; segundo a biógrafa Dale Kent, naceu en realidade o 10 de abril de 1389.[1] Educouse no círculo humanista do mosteiro dos camaldulenses, baixo a guía de Roberto de' Rossi, onde aprendeu latín, grego, árabe e nocións teolóxico-filosóficas e artísticas.[3][4] Sensíbel á nova cultura, o seu pai permitiulle seguir frecuentando os círculos humanistas rematados os estudos, e Cosimo entrou en confianza con Poggio Bracciolini, Carlo Marsuppini e Ambrogio Traversari.[5] Á formación humanista sumou, segundo a tradición familiar, as nocións de mercadearía e finanzas que lle deu o pai, que chegara a ser o financiador da Igrexa romana e creara unha inmensa fortuna, reforzando así a posición dos Medici en Florencia.[6]
O banco do papado e o Concilio de Constanza
[editar | editar a fonte]En 1414 Cosimo, que sería nomeado prior o ano seguinte,[1] acompañou ao antipapa Xoán XXIII, Baldassarre Cossa, amigo do pai, ao Concilio de Constanza, probabelmente en compaña dos humanistas Poggio Bracciolini e Leonardo Bruni, entón ao servizo do Cossa na curia pontificia.[1][7] Tras a caída en desgraza do antipapa en marzo de 1415, Cosimo deixou Constanza, viaxou por Alemaña e Francia e regresou a Florencia en 1416, ano en que casou coa moza Contessina de' Bardi, membro dunha das familias máis antigas e insignes da cidade.[8][9] En 1417, tras a elección de Martiño V, un axente do pai de Cosimo ocupouse da liberación do Cossa pagando un rescate de 30 000 floríns; á morte do antipapa, Cosimo e o pai foron nomeados executores das súas vontades e supervisaron en Florencia a construción do seu sepulcro no Baptisterio de San Xoán, obra de Donatello e Michelozzo.[1][10]
Malia a amizade que unía Giovanni co Cossa, os Medici non perderon o favor do novo pontífice, que necesitaba un grande préstamo para restaurar o dominio temporal papal: en 1420 Bartolomeo de' Bardi, socio de Giovanni, foi nomeado depositario das contas da Curia, cargo que o banco Medici conservaría durante vinte e dous anos.[11][1] Nese mesmo 1420 Giovanni retirouse da dirección efectiva do banco e deixouna en mans dos fillos Lourenzo e Cosimo.[1] O verdadeiro artífice da expansión da rede financeira medicea foi Cosimo, que abriu filiais nas principais cidades de Europa; e desde os seus primeiros encargos públicos (misións diplomáticas a Milán en 1420, a Lucca en 1423 e a Boloña en 1424) manifestou xa esa proverbial prudencia que caracterizaría o seu goberno trinteañal.[1]
O exilio (1433-1434)
[editar | editar a fonte]Os inimigos de Cosimo eran as antigas familias magnaticias dos Albizzi e dos Strozzi, á fronte da política florentina desde 1382, cando rematou o goberno do pobo miúdo nado do tumulto dos Ciompi.[12] Entre 1382 e 1417 o réxime foi guiado por Maso degli Albizzi, e despois o poder repartiuse entre o seu fillo Rinaldo, Niccolò da Uzzano e Palla Strozzi.[13] As interminábeis guerras contra Filippo Maria Visconti, duque de Milán, desangraban Florencia de diñeiro e de homes, debilitaban a posición dos magnates e facilitaban o ascenso dos Medici.[14] Cara a 1430, Rinaldo e Strozzi intentaron exiliar a Cosimo con calquera pretexto, pero freounos a oposición de Uzzano; cando este morreu en 1432, o freo desapareceu.[15][16]
O 7 de setembro de 1433 Cosimo foi detido e encarcerado no palacio dos Priores, acusado de aspirar á ditadura.[1] Temendo pola súa vida, negouse a comer o que lle pasaban os carcereiros por medo ao veleno e, coa axuda do gardián Federico Malavolti, logrou subornar cunha forte suma de diñeiro o gonfaloniere Bernardo Guadagni para evitar a condena á morte.[17] O goberno oligárquico de Rinaldo degli Albizzi, dividido e baixo a presión doutros estados italianos favorábeis a Cosimo (o propio Uxío IV fixo saber que a Igrexa non aceptaría a condena do banqueiro que era a principal fonte de financiamento da Santa Sé), conmutoulle a pena polo exilio.[18][19]
Cosimo instalouse primeiro en Padua e despois en Venecia, onde o banco tiña unha filial importante, e alí pasou un exilio dourado coma un monarca en visita oficial, hóspede de honra do dogo Francesco Foscari, mentres seguía influíndo de lonxe na inestábel Señoría oligárquica para preparar o regreso.[18][20][1] En agosto de 1434 a República nomeou unha balìa case enteiramente filomedicea que, pouco despois de instalarase, o chamou de volta;[1] o 6 de outubro Cosimo entrou triunfalmente en Florencia, aclamado polo pobo, que prefería os tolerantes Medici aos oligárquicos e aristocráticos Albizzi.[21][20] O bando, pensado para acabar con el, rematou por consolidar o seu poder: a influencia de Cosimo nas cortes estranxeiras e a súa rede de clientes dentro da cidade debilitaran progresivamente Rinaldo e o seu goberno.[1]
A señoría de facto (1434-1464)
[editar | editar a fonte]Tras exiliar á súa vez os adversarios, Cosimo afirmouse coma o árbitro absoluto da política florentina sen ocupar directamente os cargos: foi soamente dúas veces gonfaloniere de Xustiza, en xaneiro-febreiro de 1435 e en xaneiro-febreiro de 1439.[1] Mediante o control das eleccións, do sistema tributario e a creación de novas maxistraturas, coma o Consello dos Cen, encomendadas a homes da súa confianza, asentou as bases do poder da familia, mantendo sempre o respecto formal polas liberdades republicanas e unha vida apartada e modesta, coma un cidadán privado máis.[22][1] Moitos historiadores definírono un «criptoseñor», un señor que, sen rol institucional, controlaba de facto o Estado a través dos seus homes, dun xeito non moi distante do de Augusto na República romana.[23][1] Cosimo levaba as rendas do Estado desde o seu palacio de Via Larga, onde acudían os embaixadores para tratar os asuntos de Estado tras un saúdo de circunstancia aos priores do Palazzo della Signoria, elixidos entre os partidarios dos Medici.[24] Xeneroso e moderado no exercicio do poder, soubo con todo ser implacábel cando o tivo por necesario; seu é o dito de que «os estados non se gobernan cos paternosters».[25]
Política exterior
[editar | editar a fonte]En política exterior, Cosimo continuou a tradicional alianza con Venecia contra a Milán dos Visconti. O duque Filippo Maria Visconti, impelido pola ambición de reconstruír o dominio do pai e polas insistencias dos exiliados florentinos hostis a Cosimo, renovou a guerra contra Florencia: en 1435 enviou en axuda de Lucca o exército de Niccolò Piccinino, e Florencia, militarmente feble, salvouse pola intervención de Francesco Sforza na batalla de Barga (1437).[26][27] O enfrontamento decisivo chegou en 1440: o exército milanés de Piccinino foi derrotado na batalla de Anghiari (29 de xuño) polas tropas florentinas guiadas polo curmán de Cosimo Bernardetto de' Medici, por Neri di Gino Capponi e por Micheletto Attendolo.[1] Desde o punto de vista mediceo foi ademais decisivo o ano 1435, cando Cosimo coñeceu persoalmente Francesco Sforza, con quen estreitou unha amizade que sería fundamental para o xiro das alianzas.[28][1]

Á morte de Filippo Maria en 1447, Cosimo rompera xa con Venecia por cuestións comerciais e financeiras,[29] e temía que unha vitoria da Serenísima reforzara o seu poder militar en prexuízo do debilitado Milán, rompendo a política do equilibrio.[30] A vitoria de Francesco Sforza e a súa proclamación coma duque de Milán en 1450, obtida grazas en boa parte ás subvencións de Cosimo, deulle a Florencia un aliado poderoso, aínda que o Medici tivo que loitar para facer aceptar a alianza coa odiada Milán.[30][1][31] A opinión pública florentina volveuse de todo contra Venecia cando esta se aliou con Afonso V de Aragón, rei de Nápoles, e coa República de Siena, inimiga acérrima de Florencia.[30][32] A guerra prolongouse cansamente ata 1454, cando se asinou a paz de Lodi grazas á mediación de Cosimo e de Nicolao V, este último atemorizado pola Caída de Constantinopla en mans dos turcos o ano anterior.[30]
O Concilio de Florencia
[editar | editar a fonte]Para o prestixio de Cosimo dentro e fóra de Florencia foi decisivo o concilio ecuménico celebrado na cidade en 1439. Grazas a cuantiosas achegas de diñeiro, Cosimo convenceu o papa Uxío IV, residente en Florencia desde 1434 por mor dunha revolta dos Colonna en Roma,[33] de trasladar desde Ferrara a Florencia o concilio no que se negociaba a unión entre a Igrexa latina e a Igrexa bizantina.[33] A presenza dos delegados, co emperador Xoán VIII Paleólogo e o patriarca Xosé II á fronte, non foi só fonte de prestixio para a pequena República e para o propio Cosimo, senón tamén para a economía: un acontecemento de importancia mundial que atraía as olladas dos soberanos e dos mercadores.[34] A chegada dos bizantinos, con toda unha corte de personaxes coloridos, estimulou a imaxinación do pobo e dos artistas, e dende entón comezouse a falar de Florencia coma a «nova Atenas»; favoreceu ademais unha extraordinaria floración dos estudos de filosofía platónica e de letras gregas, grazas á presenza de mestres chegados de Constantinopla, coma Xurxo Gemisto Pletón e o futuro cardeal Besarión, e á recolla de códices gregos na biblioteca persoal de Cosimo.[35][36][37]
Últimos anos e morte
[editar | editar a fonte]Cando se asinou a paz de Lodi, Cosimo tiña sesenta e catro anos e sufría a gota;[38] estudos paleopatolóxicos apuntan con todo que a chamada «gota dos Medici» sería máis ben unha artrite reumatoide.[39] En 1453 deixara a dirección do banco ao fillo Giovanni e aos fillos do finado irmán Lourenzo,[40] e na política confiou as principais tarefas a Luca Pitti, cuxo goberno resultou moi impopular.[30] Entre as súas últimas iniciativas estivo o nomeamento de Poggio Bracciolini coma chanceler da República (1454-1459).[41]
Xa entrada a década de 1460, Cosimo sufriu a dor de ver morrer, en 1463, o seu fillo predilecto Giovanni,[42] no que depositara as esperanzas da sucesión, dado o mal estado de saúde do primoxénito Piero, tamén aflixido pola gota, e pola popularidade de que Giovanni gozaba na cidade.[43][44] Conta Maquiavelo que, tras a morte do fillo, Cosimo se facía levar en liteira polas estancias do palacio de Via Larga dicindo: «Esta casa é grande de máis para tan pouca familia».[45] A única ledicia daqueles anos foi o mozo neto Lourenzo, de quen admiraba a intelixencia e o enxeño;[46] no leito de morte recomendou a Piero que lles dera a Lourenzo e ao seu irmán Giuliano a mellor formación política.[47]

A morte colleu a Cosimo o 1 de agosto de 1464, lúcido ata o final, na súa querida vila de Careggi, onde adoitaba descansar en compaña de Marsilio Ficino e dos membros da Accademia neoplatonica.[48][1] A Señoría quixo renderlle un funeral solemne coma se dun xefe de Estado se tratase, pero o fillo Piero respectou as súas vontades e soterróuno coma un cidadán privado.[48] Non puido rexeitar, con todo, a honra que a Señoría e o pobo lle tributaron: en 1465 inscribiuse Pater patriae na laixa da súa tumba, obra de Andrea del Verrocchio, colocada diante do altar maior da basílica de San Lourenzo, nun lugar reservado de adoito nas basílicas cristiás ás reliquias dos santos titulares.[1][2]
Mecenado
[editar | editar a fonte]O mecenado foi tamén unha arma nas mans de Cosimo, entendido coma un fino investimento propagandístico: protexendo os artistas, financiando os letrados e patrocinando a construción de edificios públicos, decretou a súa consagración coma Pater patriae ante a posteridade. A súa sensatez foi non disociar nunca o seu nome do de Florencia, mostrándose ante os concidadáns coma benfeitor da cidadanía máis que coma un oligarca orgulloso. Cosimo ocupouse ademais da restauración de edificios fóra de Florencia, a miles de quilómetros: o Colexio dos Italianos de París e o Hospicio dos Peregrinos de Xerusalén.[1]
Obras públicas
[editar | editar a fonte]No capítulo das obras de culto, Cosimo fixo reconstruír o convento de San Marco a mediados da década de 1430, encargando o proxecto ao seu favorito Michelozzo[49][50] e a decoración das celas claustrais ao conventual Fra Angelico,[51] cunha delas reservada ao seu propio retiro e meditación.[52] En troca dos 10 000 floríns gastados na restauración e nos obxectos necesarios para os monxes,[53] convenceu Uxío IV de introducir no mosteiro os dominicos, expulsando os monxes silvestrinos acusados de laxismo moral.[54] Herdeiro da libraría do humanista Niccolò Niccoli, Cosimo trasladouna ao convento de San Marco e abriuna á consulta de calquera.[55]
Cosimo levou adiante tamén os traballos da basílica de San Lourenzo, comezados polo seu pai en 1419 con proxecto de Filippo Brunelleschi e, tras a morte de Giovanni en 1429, encargou xunto co irmán Lourenzo a Donatello o remate e a decoración da Sagrestía Vella.[56] En 1444 decidiu abrir ao público a súa inmensa biblioteca persoal;[57] Vespasiano da Bisticci, o seu cartolaio e biógrafo, describe con detalle os máis de douscentos manuscritos que conservaba, dos Padres da Igrexa aos filósofos e escritores da Grecia e Roma antigas, e o esmero con que Cosimo quería completala e enriquecela canto antes.[58]
O palacio de Via Larga e as vilas
[editar | editar a fonte]
En canto se fixo cabeza da familia, Cosimo decidiu construír un palacio en Via Larga, cuxas obras duraron uns dez anos.[59] Consultou primeiro o Brunelleschi pero, ante o proxecto suntuoso que este lle presentou, preferiu chamar Michelozzo, que lle propuxo un deseño moito máis modesto: cómpre non espertar a envexa dos inimigos políticos.[60] Vinte anos despois do Concilio, en 1459, Cosimo encargou a Benozzo Gozzoli a decoración da capela privada do palacio, coa representación da procesión dos Reis Maxos coma metáfora do percorrido mundano e espiritual da familia e do partido mediceo.[61] Amante da vida no campo, fixo ademais restaurar por Michelozzo as vilas familiares do Trebbio e de Cafaggiolo, no Mugello, e mandou construír a vila de Careggi, onde transcorreu boa parte da súa vida familiar.[1]
Cosimo chamou ao seu servizo os artistas de sona do momento: Donatello, autor do célebre David de bronce feito por encargo seu,[1] e tamén Filippo Lippi, Paolo Uccello, Luca della Robbia, Lorenzo Ghiberti, Desiderio da Settignano e Andrea del Castagno.[1]
Humanismo e neoplatonismo
[editar | editar a fonte]O encontro cos dous sabios neoplatónicos bizantinos Xurxo Gemisto Pletón e Besarión no Concilio de 1439 deulle a Cosimo a idea de crear en Florencia un foco de difusión das teorías de Platón en Italia, aumentando así o prestixio cultural e político da cidade.[1] O intelectual de maior sona do seu círculo neste proxecto foi Marsilio Ficino, fillo do médico da familia Medici, a quen Cosimo quedou unido por fondos lazos de amizade.[62] Coa competencia e a erudición de Ficino, Cosimo fundou a Accademia neoplatonica, lugar de encontro dos humanistas, e deu así un xiro radical ao humanismo florentino: dos intereses concretos e prácticos do humanismo cívico da primeira metade do século pasouse a unha actividade especulativa e contemplativa.[62][63] Para os seguidores da Accademia o regreso ao platonismo non significaba un regreso ao paganismo, senón unha renovación do cristianismo reducido á súa fonte orixinaria.[64]
Favoreceu a difusión da filosofía platónica tamén o achado do Corpus Hermeticum polo seu escritor privado, o monxe Leonardo da Pistoia, encargado por Cosimo de buscar manuscritos antigos en grego e latín nos territorios do Imperio Bizantino. En 1460, nunha viaxe a Macedonia, o monxe atopou os catorce libros do texto grego de Hermes Trismexisto, a copia orixinal pertencida a Miguel Pselo e datada no século XI; de volta en Florencia, entregou o texto a Cosimo, que encargou a Ficino a tradución do grego ao latín cara a 1463.[65]
O Banco Medici
[editar | editar a fonte]Baixo a súa dirección, de 1420 a 1464, o Banco Medici, fundado en 1397 polo pai Giovanni, converteuse nun dos piares das finanzas italianas e europeas, e Cosimo logrou duplicar o patrimonio paterno.[66][67] Cosimo, o máis dotado dos dous irmáns para os negocios,[68] estendeu a influencia do banco polo resto de Europa: en 1439 abriu filial na cidade flamenga de Bruxas, centro importantísimo do comercio internacional, e en 1446 en Londres.[69] Tras a morte do irmán Lourenzo en 1440, contou coa axuda de Giovanni Benci na xestión do patrimonio, e cara ao rexistro de 1457 sumáranse as filiais de Milán (aberta en 1452 e rexida por Pigello Portinari, home de confianza de Francesco Sforza), Xenebra e Aviñón, ademais do banco menor de Ancona, aberto xa en 1441.[68][70] Grazas á súa inmensa fortuna, Cosimo influíu mesmo na política interior de países estranxeiros e militarmente máis poderosos: Eduardo IV de Inglaterra mantivo o exército na guerra das Dúas Rosas cos subsidios financeiros que lle pasaba o Medici.[71] No seu patrimonio persoal figuraban ademais numerosos obradoiros artesáns da cidade: en 1427 posuía dous obradoiros de la, aos que engadiu en 1433 un de seta, que, aínda rendendo menos ca o cambio de moeda, daban traballo a moitos operarios e consolidaban o apoio popular á familia.[72]
Valoración historiográfica
[editar | editar a fonte]Malia oprimir de facto toda iniciativa política allea á impostada pola facción medicea, Cosimo sentou as bases da fortuna non só da súa familia, senón tamén de Florencia, e por ambas as cousas mereceu dos escritores contemporáneos un xuízo vacilante: criticado pola concentración do poder nas súas mans, foi ao tempo apreciado pola súa sensatez, o seu equilibrio e o seu éxito.[1] A clave do seu triunfo foi a moderación: nunha cidade hostil a toda ditadura, deixou sempre unha aparencia de liberdade, comportándose coma un modesto cidadán. Francesco Guicciardini retratouno así nas súas Storie fiorentine: «Foi tido por home prudentísimo; foi riquísimo, máis ca ningún outro privado de que se teña noticia naquela época; foi liberalísimo, sobre todo ao edificar, non coma cidadán, senón coma rei [...] e pola prudencia, pola riqueza e pola magnificencia tivo tanta reputación que, quizais dende a decadencia de Roma ata os seus tempos, ningún cidadán privado tivera xamais tanta».[73] Maquiavelo, nas Istorie fiorentine, recoñeceu escribir del «canto fan os que escriben vidas de príncipes, e non os que escriben historias universais», «por ser home raro na nosa cidade».[45]
O xuízo dividido prolongouse na idade moderna: mentres a dinastía, xa con Cosimo I duque e despois gran duque da Toscana, o exaltaba,[1] a historiografía de finais do século XVIII dividiuse entre quen viu nel «un tirano cínico, egoísta e burgués», coma o suízo Simonde de Sismondi,[74] e quen, coma os historiadores Young, Hale ou Parks, viu un goberno ilustrado e sabio malia a supresión das liberdades republicanas.
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 15 16 17 18 19 20 21 22 23 24 25 26 27 28 29 30 Kent 2009.
- 1 2 Young 1987, p. 107.
- ↑ Vespasiano da Bisticci 1859, p. 246.
- ↑ Young 1987, p. 57.
- ↑ Hale 1980, p. 12.
- ↑ Hale 1980, pp. 10-11.
- ↑ Young 1987, p. 56.
- ↑ Vernon 1899, p. 30.
- ↑ Vespasiano da Bisticci 1859, p. 247.
- ↑ Young 1987, p. 43.
- ↑ Bianca 2000.
- ↑ Vannucci 2006, pp. 105-106.
- ↑ Bosisio 1968, p. 269.
- ↑ Parks 2008, p. 79.
- ↑ Cesati 1999, p. 23.
- ↑ Machiavelli 1971, Istorie fiorentine, IV, 27-28.
- ↑ Machiavelli 1971, Istorie fiorentine, IV, 29.
- 1 2 Cesati 1999, p. 24.
- ↑ Parks 2008, pp. 86-88.
- 1 2 Hale 1980, p. 24.
- ↑ Young 1987, p. 63.
- ↑ Vespasiano da Bisticci 1859, p. 250.
- ↑ Rubinstein 1966.
- ↑ Parks 2008, p. 126.
- ↑ Montanelli & Gervaso 2000, p. 205.
- ↑ Bosisio 1968, pp. 362-363.
- ↑ Machiavelli 1971, Istorie fiorentine, V, 10.
- ↑ Young 1987, p. 68.
- ↑ Menniti Ippolito 1998.
- 1 2 3 4 5 Bosisio 1968, p. 364.
- ↑ Young 1987, p. 84.
- ↑ Machiavelli 1971, Istorie fiorentine, VI, 26.
- 1 2 Hay 2000.
- ↑ Young 1987, p. 72.
- ↑ Cappelli 2010, p. 117.
- ↑ Young 1987, p. 73.
- ↑ Vannucci 2006, p. 361.
- ↑ Parks 2008, p. 131.
- ↑ Gino Fornaciari e Valentina Giuffra (6 de decembro de 2009). "Le malattie reumatiche alla corte medicea di Firenze: la cosiddetta "gotta" dei Medici" (en italiano). Arquivado dende o orixinal o 28 de abril de 2017. Consultado o 18 de outubro de 2026.
- ↑ Young 1987, p. 53.
- ↑ Cappelli 2010, pp. 210-211.
- ↑ Parks 2008, p. 132.
- ↑ Young 1987, p. 106.
- ↑ Cesati 1999, p. 27.
- 1 2 Machiavelli 1971, Istorie fiorentine, VII, 6.
- ↑ Cesati 1999, p. 29.
- ↑ Young 1987, pp. 106-107.
- 1 2 Vannucci 2006, p. 362.
- ↑ Cesati 1999, p. 26.
- ↑ Parks 2008, p. 109.
- ↑ De Vecchi & Cerchiari 2004, p. 136.
- ↑ Young 1987, p. 94.
- ↑ Vespasiano da Bisticci 1859, p. 252.
- ↑ Parks 2008, p. 108.
- ↑ Vespasiano da Bisticci 1859, pp. 252-253.
- ↑ De Vecchi & Cerchiari 2004, p. 78.
- ↑ Young 1987, p. 80.
- ↑ Vespasiano da Bisticci 1859, pp. 255-256.
- ↑ Young 1987, p. 77.
- ↑ De Vecchi & Cerchiari 2004, p. 127.
- ↑ De Vecchi & Cerchiari 2004, p. 128.
- 1 2 Vasoli 1997.
- ↑ Garin 2000, p. 94.
- ↑ Abbagnano 1995, pp. 66-67.
- ↑ Kristeller 1938, p. 238.
- ↑ Young 1987, p. 88.
- ↑ Porisini 1971, pp. 366-367.
- 1 2 Porisini 1971, p. 367.
- ↑ Parks 2008, p. 100.
- ↑ Parks 2008, pp. 149-150.
- ↑ Young 1987, p. 89.
- ↑ Parks 2008, p. 74.
- ↑ Guicciardini 1998, p. 93.
- ↑ Young 1987, p. 109.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cosimo de Medici |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Abbagnano, Nicola (1995). La filosofia del Rinascimento 3. Milán: TEA. ISBN 88-7819-721-1.
- Bianca, Martina (2000). "Martino V". Enciclopedia dei Papi 2. Roma: Istituto dell'Enciclopedia Italiana.
- Bosisio, Alfredo (1968). Il Basso Medioevo IV. Novara: Istituto Geografico De Agostini.
- Cappelli, Guido (2010). L'Umanesimo da Petrarca a Valla. Roma: Carocci. ISBN 978-88-430-5405-3.
- Cesati, Franco (1999). I Medici. Storia di una dinastia europea. Florencia: Mandragora. ISBN 88-85957-36-6.
- De Vecchi, Pierluigi; Cerchiari, Elda (2004). Arte nel Tempo. Dal Gotico Internazionale alla Maniera Moderna. 2, tomo I. Milán: Bompiani. ISBN 978-88-450-4221-8.
- Garin, Eugenio (2000). L'umanesimo italiano (3ª ed.). Roma-Bari: Laterza. ISBN 88-420-4501-2.
- Guicciardini, Francesco (1998). Storie fiorentine dal 1378 al 1509. Milán: Biblioteca universale Rizzoli. ISBN 88-17-17233-2.
- Hale, John Rigby (1980). Firenze e i Medici. Milán: Mursia.
- Hay, Denys (2000). "Eugenio IV". Enciclopedia dei Papi 2. Roma: Istituto dell'Enciclopedia Italiana.
- Kent, Dale (2009). "Medici, Cosimo de'". Dizionario Biografico degli Italiani 73. Roma: Istituto dell'Enciclopedia Italiana.
- Kristeller, Paul Oskar (1938). "Marsilio Ficino e Lodovico Lazzarelli. Contributo alla diffusione delle idee ermetiche nel Rinascimento". Annali della R. Scuola Normale Superiore di Pisa. Lettere, Storia e Filosofia 7 (2/3): 237–262. ISSN 0393-8573.
- Machiavelli, Niccolò (1971). Istorie fiorentine. Florencia: Sansoni.
- Menniti Ippolito, Antonio (1998). "Francesco I Sforza, duca di Milano". Dizionario Biografico degli Italiani 50. Roma: Istituto dell'Enciclopedia Italiana.
- Montanelli, Indro; Gervaso, Roberto (2000). L'Italia dei Secoli d'oro. Milán: Rizzoli. ISBN 88-17-11813-3.
- Parks, Tim (2008). La fortuna dei Medici: finanza, teologia e arte nella Firenze del Quattrocento. Milán: Oscar Mondadori. ISBN 978-88-04-57218-3.
- Porisini, Giorgio (1971). "Gli affari dei Medici". Studi Storici (2). ISSN 0039-3037.
- Rubinstein, Nicolai (1966). The government of Florence under the Medici (1434-1494). Oxford: Clarendon Press.
- Vannucci, Marcello (2006). Storia di Firenze. Roma: Newton & Compton. ISBN 88-8289-361-8.
- Vasoli, Cesare (1997). "Ficino, Marsilio". Dizionario Biografico degli Italiani 47. Roma: Istituto dell'Enciclopedia Italiana.
- Vernon, K. Dorothea Ewart (1899). Cosimo de' Medici. Londres: MacMillan.
- Vespasiano da Bisticci (1859). Vite di uomini illustri del secolo XV. Florencia: Barbera, Bianchi e Comp.
- Young, George Frederick (1987). I Medici. Florencia: Salani. ISBN 88-7782-003-9.