Saltar ao contido

Moeda global

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cartón coas credenciais para pagamentos en bitcoins.

No mercado de divisas e no comercio internacional, coñécese como moeda global ou mundial, ou mesmo supranacional á moeda que circula internacionalmente, sen unhas fronteiras determinadas.

Antecedentes históricos

[editar | editar a fonte]

Os oito reais españois (séculos XVII-XVIII)

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Real de oito.
Real de oito columnario español de 1759

Nos séculos XVII e XVIII, o uso dos reais de oito de prata cuñados nas casas de moeda dos territorios españois nas Américas estendeuse a outros territorios cara ao oeste ata Asia e cara ao leste ata Europa, co que esta moeda se constituíu na primeira de circulación global. A supremacía política de España no escenario mundial, a importancia das rutas comerciais españolas a través do Atlántico e o Pacífico, xunto coa a calidade e a pureza da súa moeda da prata motivaron que esta fose aceptada internacionalmente durante dous séculos.[1][2]

O real de oito ou peso español tiña curso legal nos territorios españois do Pacífico, como as Filipinas, a Micronesia, Guam e as Illas Carolinas, e máis tarde ampliouse á China e a outros países do sueste asiático, ata mediados do século XIX.

En América circulou con naturalidade nesa época en toda a América do sur e Central (agás no Brasil), así como nos Estados Unidos e no Canadá.

En Europa tiña curso legal na Península Ibérica, na maioría dos territorios da Península Itálica (Milán, o Reino de Nápoles, Sicilia, Sardeña etc.), no Franco-Condado (Francia) e nos Países Baixos españois, e tamén se utilizaba noutros estados europeos de influencia austríaca e de Habsburgo.

Lingotes de ouro

O padrón ouro (séculos XIX e XX)

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Padrón ouro.

Antes do século XIX e durante case todo el, o comercio internacional estivo caracterizado polas moedas que representaban pesos de ouro. A maioría das moedas nacionais supuñan neses tempos, en esencia, diferentes xeitos de medir pesos de ouro. Por este motivo, algúns estudosos afirman que o ouro foi realmente a primeira moeda global da historia.[3][4][5]

O derrubamento do padrón do ouro coa chegada da primeira guerra mundial tivo, xa que logo, implicacións moi significativas para o comercio global.[6]

A libra esterlina (século XX)

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Libra esterlina.

Antes de 1944, a moeda de referencia mundial do século XX era a do Reino Unido, a libra sterling, ata que este papel preponderante se transmitiu ao dólar dos Estados Unidos, coas conseguintes implicacións para os bancos centrais.[7]

O dólar dos EEUU (séculos XX e XXI)

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Dólar estadounidense.

No período que se abriu logo da Conferencia de Bretton Woods, en 1944, as taxas de cambio en todo o mundo eran pasaron a estar referidas ao dólar dos Estados Unidos, que podería ser cambiado por unha cantidade fixa de ouro. Este feito reforzou o dominio do dólar como moeda global.

A partir do colapso do réxime de taxa de cambio fixa e do padrón ouro, e da institución de taxas de cambio flutuantes logo do Acordo Smithsonian de 1971, a maioría das moedas do mundo deixaron de estar vinculadas ao dólar. Porén, tendo en conta que os Estados Unidos teñen a economía máis grande do mundo, as transaccións internacionais continúan a ser a referencia desta moeda, que consolidou a súa posición de moeda global.

Segundo o economista Robert Gilpin, "entre o 40 e o 60 por cento das transaccións financeiras internacionais están denominadas en dólares. Durante décadas, o dólar tamén foi a moeda de reserva principal do mundo; en 1996 representaba aproximadamente dous terzos das reservas de divisas no mundo", contra o aproximadamente un cuarto que lle corresponde ao euro.[8]

Uso internacional do euro e do dólar estadounidense      Estados Unidos      Estados que adoptaron o dólar      Moedas vinculadas ao dólar      Moedas vinculadas ao dólar con banda estreita      Eurozona      Estados que adoptaron o euro      Moedas vinculadas ao euro      Moedas vinculadas ao euro con banda estreita O rublo de Belarús está vinculado ao euro, ao rublo ruso e ao dólar nunha "cesta de moedas".

Varias moedas do mundo continúan a estar vinculadas ao dólar. Algúns países, como Ecuador, O Salvador e Panamá, deron un paso máis e mesmo eliminaron as súas propias moedas nacionais en favor do dólar estadounidense.

Só houbo dous desafíos importantes ao status do dólar como moeda global. Durante a década de 1980, o ien xaponés tivo un uso progresivo como moeda internacional, aínda que esa situación mudou coa recesión xaponesa da década seguinte.[9] Máis recentemente, o euro supón unha competencia cada vez maior para a preponderancia do dólar nas finanzas internacionais.[10]

Euro (século XXI)

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Euro.

O euro herdou o seu status como unha das moedas de reserva importantes do antigo marco alemán, e a súa contribución ás reservas oficiais aumentou á medida que os bancos van procurando diversificar as súas reservas e que comercio na eurozona se expande.[11]

Igual que sucede co dólar, algunhas moedas do mundo están vinculadas ao euro. Trátase fundamentalmente de moedas da Europa do leste, como o lev búlgaro, aínda que hai outras da África occidental como o escudo de Cabo Verde e o franc CFA. Outros países europeos, mesmo sen ser membros da Unión Europea, adoptaron o euro en virtude de unións monetarias e acordos cos Estadops membros, ou mesmo de xeito unilateral, substituíndo as súas moedas propias: Andorra, Mónaco, Kosovo, Montenegro, San Marino e a Cidade do Vaticano.

En decembro de 2006, o euro superara o dólar no valor combinado da masa monetaria en circulación. O valor dos billetes de euro en circulación aumentou a máis de 610 mil millóns de euros. Un informe de 2016 da Organización Mundial de Comercio amosa que o comercio mundial de enerxía, de alimentación e do sector servizos e comercio de servizos se realiza nun 60 % con dólares e nun 40 % con euros.[12]

O renminbi chinés

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Renminbi.

Como resultado da rápida internacionalización do renminbi, en 2013 esta moeda converteuse na oitava unidade máis comercializada do mundo.

A finais de novembro de 2015, o renminbi chinés pasou a ter a consideración de moeda internacional.[13]

Propostas do século XXI

[editar | editar a fonte]

En 2009, no marco dos cumios do G20 en Londres e do G8 en L'Aquila, Italia, o Kremlin defendeu a existencia dunha moeda de reserva supranacional como parte dunha reforma do sistema financeiro global. O presidente ruso Dimitrii Medvedev acompañou este desexo coa presentación dunha moeda cuñada coa lenda UNITY IN DIVERSITY ("unidade na diversidade"), deseñada por Luc Luycx, como exemplo dunha futura moeda global.[14][15][16]

O 24 de marzo de 2009, Zhou Xiaochuan, presidente do Banco Popular da China, reclamou unha "reforma creativa do sistema monetario internacional existente cara a unha moeda de reserva internacional", para "reducir signitivamente os riscos dunha crise futura e mellorar a capacidade de xestión das crises". Zhou suxeriu que os dereitos especiais de xiro do Fondo Monetario Internacional (unha cesta de moedas que abrangue o dólar, o euro, o renminbi, o iens e a libra esterlina) poderían servir como supermoeda de reserva soberana, non doadamente influíble polas políticas de países individuais. Porén, o daquela presidente dos Estados Unidos, Barack Obama, rexeitou a suxestión asegurando: "o dólar é extraordinariamente forte neste momento".[17][18]

O 30 de marzo de 2009, no segundo cumio de Suramérica e a Liga Árabe en Qatar, o daquela presidente venezolano Hugo Chávez propuxo a creación dunha petromoeda, o "petro", que estaría apoiada polas enormes reservas de petróleo dos países produtores.[19][20][21]

Deseño de Luc Luycx de 2009 para unha moeda global, presentado nun cumio do G8 en L'Aquila, Italia

Moeda única global

[editar | editar a fonte]

Unha concepción alternativa dunha moeda global refire á existencia dunha única unidade monetaria mundial ou supermoeda, como as propostas "terra" ou DEY (acrónimo en inglés de dollar, euro, yen), emitida e apoiada por un banco central, para ser utilizada en todas as transaccións e en calquera lugar do mundo, independentemente da nacionalidade das entidades implicadas na transacción (individuos, empresas, gobernos ou outras organizacións).[22]

Os defensores dunha unidade monetaria global (sinaladamente Keynes, que chegou a propora a creación da unidade "bancor") argumentan adoito que tal moeda non sufriría inflación, que en casos extremos ten efectos desastrosos para as economías.[23] Ademais, moitos postulan que unha única moeda global faría que a xestión dos negocios internacionais sería máis eficiente e se alentaría o investimento estranxeiro directo.[24]

Hai moitos variantes desta idea, incluída a posibilidade de que fose administrada por un banco central global que definiría o seu propio padrón monetario ou que acollese o padrón ouro. Os defensores sinalan que o euro é un bo exemplo de moeda supranacional exitosa xurdida da unión de nacións con linguas, culturas e economías diferentes.[25]

Ademais da idea dunha única moeda mundial soa, tamén se suxiriron algunhas propostas de que no mundo coexistan diversas moedas globais que interactúen nun sistema de mercado singular. A aparición e a evolución das moedas globais dixitais que son propiedade de empresas privadas fai pensar que diversas moedas globais poidan ofrecer formatos máis amplos para o comercio á medida que se van expandindo e gañando aceptación.[26]

A cadea de bloques ofrece a posibilidade de que un sistema descentralizado que funcione cunha mínima intervención humana poida eliminar as discusións sobre quen debería administrar un hipotético banco central global. Bitcoin é ata agora a candidata máis clara para ocupar este lugar.[27][28]

  1. ↑ Woodcock, R. (2009). Páxinas 104-105.
  2. ↑ Osborne, T. J. (2012). Páxina 31.
  3. ↑ Kemmerer, E. W. (1994). Páxina 154.
  4. ↑ Friedman, M. (1963). Páxina 543.
  5. ↑ Drummond, I. M. (1988).
  6. ↑ Nicholson, J. S.. "The Abandonment of the Gold Standard". The Quarterly Review. Vol 223. Páxinas 409-423. Abril de 1915.
  7. ↑ Schenk, C. "The Retirement of Sterling as a Reserve Currency after 1945: Lessons for the US Dollar ?". Canadian Network for Economic History conference,10/2009.
  8. ↑ Gilpin, Robert. Global Political Economy: Understanding the International Economic Order. Princeton University Press. 2001. ISBN 978-0691086774
  9. ↑ "CHRONOLOGY-Milestones in the yen's history". Reuters. 13 de maio de 2008.
  10. ↑ Alves, F. "Dólar perderá a função de moeda global". En Estadão. Economia e Negócios. 3 de decembro de 2001.
  11. ↑ Ewe-Ghee Lim. "The Euro’s Challenge to the Dollar: Different Views from Economists and Evidence from COFER (Currency Composition of Foreign Exchange Reserves) and Other Data". International Monetary Found Working Paper. 2006.
  12. ↑ Atkins, R. "Euro notes cash in to overtake dollar". Financial Times. 27 de decembro de 2006.
  13. ↑ Frankel, J. "The rise of the renminbi as international currency: Historical precedents". VOX. 10 de outubro de 2011.
  14. ↑ "Medvedev Shows Off Sample Coin of New ‘World Currency’ at G-8". Voltairenet.org. 11 de xullo de 2009.
  15. ↑ "Russian Proposals to the London Summit (April 2009)". Na web da Presidencia de Rusia. 16 de marzo de 2009.
  16. ↑ Iosebashvili, I. "At G20, Kremlin to Pitch New Currency Arquivado 21 de decembro de 2018 en Wayback Machine.". The Moscow Times. 17 de marzo de 2009.
  17. ↑ Bristow, M. "China presses G20 reform plans". BBC News. 24 de marzo de 2009.
  18. ↑ "Obama rejects China's call for new global currency". UNIAN. 25 de marzo de 2009,
  19. ↑ "Chavez to seek Arab backing for 'petro-currency'". En USA Today. 31 de marzo de 2009.
  20. ↑ Griffin, A. C. "Chávez lanzará el "petro" como moneda mundial". CadenaGlobal.com. 31 de marzo de 2009.
  21. ↑ "Chávez propone en Qatar la petro moneda". El Nacional. 31 de marzo de 2009.
  22. ↑ “There’s A New ‘Dey’ Coming! Arquivado 02 de xuño de 2016 en Wayback Machine.”. En Sound The Midnight Cry. 20 de outubro de 2008.
  23. ↑ McConnachie, A. "How Keynes’ Bancor International Trade Currency Would Work Arquivado 22 de decembro de 2018 en Wayback Machine.". En Prosperity. Maio de 2003.
  24. ↑ "Related Currency-Oriented Organizations". Single Global Currency Association.
  25. ↑ Wallenwein, A. "A Single Global Currency? Sure, Why not. But, Only if it's Gold and Silver Bullion!". En Gold Eagle. 8 de xullo de 2005.
  26. ↑ Zhong, D. "World currency, a different proposal Arquivado 09 de marzo de 2016 en Wayback Machine.". Quora. 28 de xaneiro de 2016.
  27. ↑ Bershidsky, L. "How About a Global Currency?". Bloomberg. 1 de xullo de 2015.
  28. ↑ "Bitcoin é a nova moeda global? Arquivado 21 de decembro de 2018 en Wayback Machine.". En Money Times. 30 de outubro de 2017.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]