Saltar ao contido

Plataleínos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Plataleínos
 Nome taxon
    Platalea
Imaxe
 Instancia de
Características
 Categoría taxonómica
Clasificación taxonómica
SuperreinoHolozoa
ReinoAnimalia
FiloChordata
ClaseAves
OrdePelecaniformes
FamiliaThreskiornithidae
SubfamiliaPlateinae
XéneroPlatalea Editar o valor en Wikidata
Linnaeus, 1758 Platalea Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
Freebase/m/019600 Editar o valor en Wikidata
ITIS174932 Editar o valor en Wikidata
OTT480119 Editar o valor en Wikidata
CoL6RKC Editar o valor en Wikidata
EOL45509055 Editar o valor en Wikidata
Wikidata G:Commons C:Commons

Os plataleínos (Plataleinae) son unha subfamilia de grandes aves de patas longas, que se denominan colectivamente cullereiros (aínda que este nome tamén se usa máis especificamente para a especie Platalea leucorodia), e están incluídos na familia Threskiornithidae (ibis e cullereiros). Recoñécense nesta subfamilia seis especies, xeralmente clasificadas nun único xénero, Platalea. Na lista de aves de Galicia figuran dous representantes desta subfamilia, a especie Platalea leucorodia e a Platalea alba.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Un estudo de 2010 do ADN mitocondrial dos cullereiros feito por Chesser e colegas atopou que o cullereiro rosa e o de peteiro amarelo eran os que tiñan un parentesco máis próximo, xa que ambos os dous descenden dunha ramificción temperá a partir dos antepasados das outras catro especies de cullereiros. Os autores consideran que as probas xenéticas indican que é igualmente válido considerar ás seis especies de cullereiros dentro dun único xénero, o tradicional Platalea, coma, alternativamente, situar estas dúas ramificacións nos xéneros monotípicos Platibis e Ajaja, respectivamente. Porén, como as seis especies son tan similares morfoloxicamente, parece que ten máis senso mantelas todas xuntas no único xénero Platalea.[1] Dentro da súa familia os cullereiros están máis emparentados cos ibis do Vello Mundo, que con outros ibis.

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Todos os Plataleinae teñen peteiros longos, aplanados e espatulados e aliméntanse en augas pouco profundas movendo ao seu peteiro a esquerda e dereita na auga para apañar a comida. No momento en que unha pequena criatura acuática (insecto, crustáceo ou pequeno peixe) toque o interior do seu peteiro, pechan rapidamente o peteiro para capturala. Os cullereiros xeralmente prefiren a auga doce á salgada, mais poden atoparse en ambos os ambientes. Necesitan alimentarse durante moitas horas ao día.

Son monógamos, pero, polo que se sabe, só durante unha tempada reprodutora. A maioría das especies aniñan nas árbores ou en leitos de xuncos, a miúdo rodeados de ibis ou garzas. O macho xunta o material que cómpre para facer o niño (paus e xuncos principalmente ás veces collidos de niños vellos) e as femias colócao axeitadamente formando un niño con forma de cunca grande pouco profunda ou plataforma, que varía na súa forma exacta e integridade estrutural segundo a especie de que se trate.

A femia fai unha posta duns tres ovos lisos, ovais e brancos e ambos os proxenitores realizan a incubación. As crías eclosionan cada unha no seu momento e non todas xuntas (eclosión asíncrona). As crías que acaban de eclosionar son cegas e non poden valerse de seu inmediatamente; ambos os proxenitores aliméntanas por regurxitación parcial. Os peteiros das crías son curtos e rectos, e só toman a característica forma de espátula cando maduran. A alimentación das crías continúa durante unhas poucas semanas máis despois de que a familia abandona o niño. A principal causa de perda das crías é a depredación, non a fame.

Especies e distribución

[editar | editar a fonte]

Aínda que se propuxo subdividir a subfamilia en varios xéneros, xeralmente se acepta a súa clasificación nun só xénero, Platalea, que está distribuído por todo o mundo.[2]

Especies de Platalea
Nomes Imaxe Descrición Distribución
Cullereiro (por antonomasia nas nosas latitudes)
(Platalea leucorodia)
Os adultos e os inmaturos son principalmente brancos cos extremos externos das ás negras e peteiros e patas negras. Crían en leitos de xuncos, xeralmente sen estaren en compañía doutras especies. É a especie máis estendida, e a súa área de distribución abrangue o noroeste de África e a maior parte de Europa e Asia ata Xapón.
Chamado ás veces cullereiro de cara negra
(Platalea minor)
É o único cullereiro que se encontra en perigo, xa que as súas poboacións son pequenas e viven en áreas moi restrinxidas.[3][4] Atópase en Taiwán, a China, Corea e o Xapón.
Cullereiro africano
(Platalea alba)
Unha especie branca de gran tamaño similar a Platalea leucorodia, da cal se pode distinguir pola súa cara rosa e o seu peteiro xeralmente máis pálido. Aliméntase de insectos e outras pequenas criaturas, e aniña nas árbores, pantanos e rochas. Cría en África incluída Madagascar.
Chamado ás veces cullereiro real
(Platalea regia)
Ten un extremo do peteiro moi ancho, o que o distingue doutras especies similares.[5] Máis común no sueste de Australia, pero encóntrase tamén regularmente en pequenas cantidades noutras partes de Australia alí onde se formen zonas húmidas temporais; tamén en Nova Zelandia, especialmente na illa Sur, e ás veces como divagante en Nova Guinea, Indonesia, e as illas do Pacífico.
Chamado ás veces cullereiro de peteiro amarelo
(Platalea flavipes)
O seu longo peteiro, a súa cara espida, as patas e pés son de cor amarela, e o iris é amarelo pálido.[6] Sueste de Australia.
Chamado ás veces cullereiro rosa
(Platalea ajaja)
Os adultos son de cor principalmente rosa Atópase en Suramérica, o Caribe, e no sueste dos Estados Unidos.
  1. ↑ Chesser, R.Terry; Yeung, Carol K.L.; Yao, Cheng-Te; Tians, Xiu-Hua; Li Shou-Hsien (2010). "Molecular phylogeny of the spoonbills (Aves: Threskiornithidae) based on mitochondrial DNA". Zootaxa (2603): 53–60. ISSN 1175-5326.
  2. ↑ Clements, J. F., T. S. Schulenberg, M. J. Iliff, B.L. Sullivan, and C. L. Wood. 2010. The Clements checklist of birds of the world: Version 6.5. Cornell University Press. Downloadable from Cornell Lab of Ornithology
  3. ↑ BirdLife International 2012. Platalea minor. In: IUCN 2012. IUCN Red List of Threatened Species.
  4. ↑ Chesser, R.Terry; Yeung, Carol K.L.; Yao, Cheng-Te; Tians, Xiu-Hua; Li Shou-Hsien (2010). "Molecular Phylogeny of the Spoonbills (Aves: Threskiornithidae) based on mitochondrial DNA". Zootaxa (2603): 53–60. ISSN 1175-5326
  5. ↑ Vestjens, W. J. M. (1975). "Feeding behaviour of Spoonbills at Lake Cowal, NSW". Emu 75 (3): 132. doi:10.1071/MU9750132.
  6. ↑ Slater, Peter (1970). A Field Guide to Australian Birds: Vol.1. Non-passerines. Adelaide: Rigby. p. 225. ISBN 0-85179-102-6.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]